Un motorista faleceu este sábado tras colidir de fronte contra un turismo na estrada N-6 , á altura de San Martiño de Guillar , no concello de Outeiro de Rei. O sinistro produciuse pasadas as oito do serán, fronte a un restaurante da zona, no quilómetro 508.
Segundo contaron varias testemuñas, foi un impacto moi violento e o condutor da moto saíu despedido polo aire, varios metros. Unha ambulancia trasladouno aínda con vida ao hospital Lucus Augusti , pero xa non puideron facer nada por salvarlle a vida pola gravidade das feridas.
O condutor do turismo, un home de idade avanzada, tamén quedou ferido e foi evacuado ao hospital. A estrada permaneceu cortada máis de dúas horas e a circulación tivo que se desviar pola vía de servizo.